Sunday 28 de April de 2024

O recuncho máis fermoso empeza a encherse de obras na honra de Rosalía de Castro


A área de Cultura de San Sadurniño lanzou hai algunhas semanas un convite para que a veciñanza e as entidades convertesen a galería do Concello nun mosaico de creación e de tributo a Rosalía de Castro co gallo do seu aniversario. A idea callou e xa son varias as obras que enchen as paredes brancas do consistorio, todas en tamaño A3 e todas distintas. Debuxo, collage, técnica mixta… son case unha vintena de estampas coloridas nas que cadaquén homenaxea á escritora reivindicando a súa importancia literaria, o seu rol como nai do Rexurdimento e mesmo a vixencia da súa mensaxe precursora do empoderamento feminino e da xustiza social. A exposición é unha sorte de work in progress, xa que aínda hai sitio e tamén tempo para achegar máis obras, que se poden entregar na Casa da Cultura ou no propio Concello. Ademais tamén se está gravando un pequeno vídeo sobre o proceso creativo que xa filmou o cadro deseñado nos Espazos das familias e tamén os traballos tan lindos que están facendo as crianzas da EIM A Rolada con axuda das súas mestras. O vídeo proxectarase o sábado 29 de febreiro, día no que pechará o Mes de Rosalía con actividades na Casa da Xuventude e na Casa da Cultura.
A primeira desas actividades será un obradoiro de rap que utilizará como base os versos rosalianos. Impartirao monitorado de A Vella Escola e trátase dun taller aberto a calquera idade que se desenvolverá na Casa da Xuventude entre as 16.45 e as 18.45h. Ofértanse 25 prazas que se irán cubrindo por orde de solicitude a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou do teléfono 616 332 919.
O resultado dese obradoiro poderemos velo pouco despois, a partir das 19.00h., na Casa da Cultura. Alí está programado un pequeno acto de clausura do Mes de Rosalía que comezará coa proxección da curtametraxe “Negra sombra”, producida polo artista dixital Pablo Millán para o 3º Chanfaina Lab. A parte audiovisual completarase co pase de varios videopoemas gravados no curso sobre manexo do móbil ofrecido pola Aula CeMIT en Lamas e tamén co resume da exposición “Aló no recuncho máis fermoso” que medra aos poucos na Casa do Concello.
O evento -con entrada libre- estará conducido pola rapazada do Club de Lectura da Biblioteca e contará ademais coa lectura colectiva de varios poemas e coas actuacións da Escola municipal de pandeireta e do Coro de cantos de taberna que botou a andar hai algúns meses en San Sadurniño.
Durante a sesión tamén se sorteará a lámina que ilustra a exposición da galería municipal, obra do artista gráfico Juanlu Nacha. No sorteo entrarán todas as persoas que participasen na mostra achegando as súas creacións.
Polo momento hai expostas 19, pero agárdase que nos próximos días o número vaia subindo ata encher a maior parte do espazo dispoñible. Nenas, nenos, nais e pais que acoden ao encontro quincenal de Espazos das familias fixeron a semana pasada o seu cadro xuntando mans recurtadas e poemas de Rosalía.
Na EIM A Rolada esta mañá tamén facían o propio. As crianzas máis pequenas -as de 0 a 2 anos- deixaron a súa pegada nunha cartolina con pintura de mans, mentres que as do último curso fixeron un fermoso crebacabezas coa imaxe da escritora ao que lle engadiron unha chea de bicos “porque está de cumpreanos o 24 de febreiro”, tal e como explicaban as nenas e nenos -a maioría menores de 3 anos- sen que ninguén lles apuntase por detrás o que tiñan que dicir. Cousa bonita o que fixeron e cousa bonita que, sendo tan noviñas e noviños, saiban xa quen é Rosalía de Castro.